Pavimento novo e lombos para a Barriada de San Pedro
Por Redacción
O acceso principal á Barriada de San Pedro atópase en obras para renovar o pavimento.
Os traballos centraranse no viario comprendido entre o campo de fútbol e a baixada da piscina. O mal estado no que se atopa o firme fixo necesario mellorar o asfaltado. A obra foi licitada por 89.752,16 euros.
Os traballos contemplan a construción de tres lombos que obrigarán a reducir a velocidade coa que circulan os vehículos por esta estrada, atendendo así a unha demanda veciñal que requiría dotar de maior seguridade aos viarios desta zona.
BOMBEO DE LOIRA
O Concello de Marín tamén informou que as obras do Bombeo de Loira están a chegar ao seu remate. Coa súa posta en marcha espérase dar unha solución definitiva aos habituais fallos no saneamento.
As obras aumentarán a capacidade de bombeo, sendo maior o caudal que entrará na rede xeral de colectores e que posteriormente irá polo conduto xeral ata a depuradora dos Praceres. As obras licitáronse cun orzamento de 90.606,69 euros.