Martín Berasategui: "Galicia y O Grove son muy importantes para mí"
Por Redacción
Un auténtico namorado da cociña galega e, a partir de agora, tamén do Grove. O cociñeiro vasco Martín Berasategui, un dos chefs máis recoñecidos de toda España -os seus restaurantes teñen dez estrelas Michelín-, visitou este xoves o municipio meco.
Fíxoo un día antes de recibir o Premio Nacional de Gastronomía Tradicional Lola Torres, convocado pola Fundación Amigos de Galicia, coa colaboración do Concello do Grove, a Axencia de Turismo de Galicia e o Centro Superior de Hostalería de Galicia.
Berasategui percorreu o porto do Grove e, posteriormente, foi recibido pola corporación municipal. Durante a súa estancia no Concello, explicou que "Galicia y O Grove son muy importantes para mí", ao lembrar que á súa casa "viene mucha gente de Galicia a trabajar y vienen muy bien preparados".
Tras agradecer este premio, un galardón co que "me tocáis la fibra sensible", xa que destacou que "mis primeros ruidos provienen de la casa de cocinas donde me crié, el Bodegón Alejandro, de mis padres y mi tía" e que, do mesmo xeito que lle pasa con Lola Torres, "admiro a las mujeres que se han dejado la vida en las cocinas".
O cociñeiro vasco estivo acompañado na súa visita de Rafael Mourelos, representante da familia Lola Torres, que celebrou que Martín Berasategui viñese a "ampliar esta familia".
Con dezasete edicións ás súas costas, lembrou, este premio ten como finalidade resaltar a gastronomía daqueles cociñeiros e cociñeiras que souberon trasladar a base da cociña tradicional á cociña de vangarda "e que dedican a súa vida ao pé dos fogóns para converter a nosa cociña en arte e cultura".
Á hora de concederlle o premio, que recibirá este venres en Santiago, o xurado quixo recoñecer a aposta do cociñeiro vasco por ser capaz de crear restaurantes para todos os públicos e facelo cunhas cartas que "representan a vangarda gastronómica tanto a nivel nacional como internacional, sen esquecerse dos sabores de outrora e a cociña vasca".
Ademais, destacaron os "selos que o caracterizan": a creatividade, a invención, o profundo entendemento dos sabores e o gran respecto polos ingredientes, xunto co seu esforzo, perseveranza, o traballo en equipo e ser un cociñeiro sempre agradecido coas anteriores xeracións e coa herdanza gastronómica que deixaron, "asegurando que a cociña española está a recoller o froito do traballo de moitas xeracións".
Martín Berasategui dirixe a día de hoxe 16 restaurantes, ademais do buque insignia "Restaurante Martín Berasategui" en Lasarte-Oria. Con todos suma dez estrelas Michelín, converténdose no cociñeiro español con máis galardóns da prestixiosa guía e o terceiro a nivel mundial.