Portonovo estrea a nova zona deportiva do Espiñeiro
Por Redacción
Coincidindo coa Festa da Raia, Portonovo estreou este sábado a nova zona deportiva do Espiñeiro. As obras de reforma integral da zona deportiva do Parque Espiñeiro, valoradas en 186.519 euros iniciáronse no mes de novembro. Foron financiadas polo programa LEADER de axudas, xestionado a través do GDR do Salnés e outra parte con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A actuación concentrouse na parte deportiva do parque. Antes das melloras realizadas, existían dúas pistas abertas, unha de fútbol e outra de baloncesto, que carecían de cerramento ou delimitación, polo que resultaban perigosas para as persoas que transitaban pola zona.
Ademais, había un conxunto de elementos ximnásticos, con barras e espaldeiras, que debido á súa antigüidade resulta pouco atractivo e que carecían practicamente de uso.
O obxectivo da actuación foi acondicionar a zona deportiva incrementando a súa superficie dos 950 metros cadrados a un espazo de 1.500 metros cadrados. Desta forma, pódese dar cabida a un maior número de usuarios que demandaban este tipo de instalacións, favorecendo a unha vida sa e saudable. Construíronse 3 pistas polideportivas e unha zona de exercicio ao aire libre.
Á superficie de campo de fútbol instalóuselle céspede artificial verde e marcaxe con liñas en céspede branco de 5 centímetros de ancho. O resto da soleira no perímetro do campo de fútbol pintouse en cor vermella. Ademais, facer un cerramento adaptado ás dimensións da pista, cunha altura nos laterais de 1 metro e nas cabeceiras de 3 metros. Colocáronse tamén dúas porterías novas de fútbol sala de aceiro galvanizado.
Para o resto da zona deportiva adaptouse a soleira existente na cancha de baloncesto, coa a demolición duns 80 metros cadrados na devandita cancha, ampliando a superficie da soleira en 596 metros cadrados. A zona demolida acondicionouse posteriormente con pradería de céspede.
Nesta superficie marcáronse dúas pistas polideportivas: unha de 14x24 metros cadrados, con céspede artificial antiestático e outra de 10x20 metros cadrados con soleira pintada de cor azul.