O conselleiro de Sanidade visita Montecelo para lembrar a importancia dunha boa hixiene de mans
Por Redacción
A dirección do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e O Salnés desenvolvía este luns con motivo do Día Mundial de Hixiene de Mans unha xornada de actividades dirixidas ao persoal dos hospitais, pacientes e usuarios dos centros sanitarios para que sexan conscientes da importancia desta hixiene para evitar a propagación de posibles infeccións.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acudía a este encontro, sen convocar aos medios de comunicación, para felicitar aos servizos de Medicina Preventiva pola elaboración dun documento que recolle as medidas necesarias para previr a propagación de enfermidades a través das mans.
A guía recolle pautas sobre a limpeza durante 15 segundos a través de auga e xabón ou cun produto de base alcohólica, especialmente naqueles casos nos que se toque aos pacientes ou ás superficies e obxectos das habitacións dos hospitais, tamén en determinados momentos como antes das comidas ou despois de ir ao aseo.
A tarefa de lavarse as mans de forma correcta pode salvar vidas, alertan desde o complexo hospitalario. Neste sentido, a xerencia dos hospitais públicos pontevedreses instalaron carteis nos centros de saúde, ademais de instalar mesas informativas e murais alegóricos nos hospitais do Salnés, Montecelo e Provincial, onde os usuarios puideron comprobar a través dunha cámara de luz ultravioleta a limpeza das súas mans.