A Xunta reforzará con catro novos equipos ao Servizo de Valoración da Discapacidade en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou esta tarde na resposta a dúas preguntas do BNG e de En Marea no Pleno do Parlamento de Galicia, que "a Xunta está a traballar para incorporar 8 novos Equipos de Valoración e Orientación da discapacidade (EVO) ao longo das vindeiras semanas na provincia de Pontevedra": catro na cidade do Lérez e outro tantos en Vigo.
Fabiola García dixo que con esta medida o Goberno galego dá continuidade ao plan de reforzo para axilizar os prazos de valoración da discapacidade iniciado o ano pasado.
O deputado do BNG, Luís Bará asegurou que as medidas tomadas pola Consellería de Política Social "son parches" e reclamou equipos "permanentes e con máis medios" para resolver a acumulación de expedientes rexistrada dende o ano 2010 e que levou a un retraso de ata tres anos na tramitación.
Bará tamén lembrou que desde o ano 2012 a administración estableceu medidas parciais como horas extras do persoal e contratación de equipos de reforzo por acumulo de tarefas que dalgún xeito conseguiron reducir as esperas pero "non resolveron o problema de fondo", que é a insuficiencia de equipos estables para dar resposta ao elevado número de solicitudes.
Nesta liña lembrou que existen 4.560 persoas en listaxe de espera na zona norte da provincia de Pontevedra, máis de 900 persoas levan máis de dous anos agardando e destas, 500 aínda non foron avaliadas. Todas as solicitudes que entraron dende decembro do ano pasado, dixo “aínda non foron tramitadas” e estamos a falar de máis de 2.000 persoas.
Relacionadas:
-
Os equipos de valoración da discapacidade concéntranse ante o Parlamento de Galicia
Por Redacción |
-
Os traballadores cualifican de "parche" o reforzo anunciado pola Xunta
Por Oskar Viéitez & Nacho Fuentes |
-
O BNG leva ao pleno do Parlamento o retraso de dous anos na valoración da discapacidade
Por Redacción |
-
A falta de persoal nos equipos de valoración de discapacidade provoca esperas de máis de dous anos
Por Oskar Viéitez & Nacho Fuentes |