O BNG leva ao pleno do Parlamento o retraso de dous anos na valoración da discapacidade
Por Redacción
Este venres tivo lugar unha nova concentración do persoal dos equipos de valoración da discapacidade. Unha protesta que contou coa participación da deputada socialista Patricia Vilán.
O persoal tamén tivo coñecemento de que o BNG incluiu na orde do día do Pleno do Parlamento galego do vindeiro mércores día 8 de maio unha pregunta ao goberno sobre a situación de retraso na valoración da discapacidade na zona norte da provincia de Pontevedra, na que hai máis de 4.500 persoas en listas de agarda e un tempo medio de tramitación dos expedientes de 2 anos.
O deputado nacionalista Luís Bará preguntará á conselleira de Política Social que medidas vai adoptar o goberno galego para corrixir esta situación, que ten "gravísimas consecuencias para a calidade de vida das persoas que vén retrasada a posibilidade de acceder a axudas económicas ou empregos". Esta "deficiente xestión" dun servizo público básico incide moi negativamente tamén na situación do entorno familiar das persoas con discapacidade, na maior parte dos casos mulleres, que teñen que dedicar moito máis tempo e medios a atendelas.
Para o BNG non valen os "parches" como a contratación temporal de equipos de reforzo, que se puxeron en marcha en 2015 e 2018 por un periodo máximo de 9 meses e que, se ben serviron para reducir as listas de agarda de tres a dous anos, "non resolven o problema de fondo". Segundo Luís Bará, a solución pasa por incrementar a dotación de persoal dos equipos de valoración da discapacidade da zona norte da provincia de Pontevedra, "que ten os maiores tempos de tramitación de toda Galicia".
Por último, o BNG manifesta o seu "total apoio" ás mobilizacións do persoal deste servizo e demanda á Xunta de Galicia unha "solución definitiva" para acabar coa "grave discriminación das persoas con discapacidade".