"Pílulas formativas" para actualizar os coñecementos do persoal de enfermaría
Por Redacción
A Dirección de Enfermaría da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ven de implantar na área sanitaria o "Proxecto 5+5", unha proposta baseada na formación e actualización de coñecementos do persoal de Enfermaría mediante pequenas sesións formativas de cinco minutos de duración, con outros cinco minutos máis de posterior debate ou resolución de dúbidas sobre diversas cuestións clínicas.
Dende o Sergas informaron que xa se efectuaron 273 "pílulas formativas" abordando dez temáticas, participaron 1.500 profesionais e as enquisas efectuadas amosan un alto grao de satisfacción.
As sesións deste proxecto efectúanse de forma secuencial polos propios compañeiros dentro da xornada laboral no seu espazo de traballo.
Posteriormente, as exposicións son publicadas na Intranet da área sanitaria, de xeito que todo o persoal teña acceso telemático a elas cara a lembrar ou repasar nocións explicadas nas diferentes sesións.