A Garda Civil denuncia unha empresa de transporte de mercadorías polo uso fraudulento de gasóleo bonificado
Por Redacción
A Patrulla Fiscal e Fronteiras da Garda Civil con base en Vilagarcía de Arousa interpuxo cinco denuncias por uso fraudulento de gasóleo bonificado do tipo "B" noutras tantas furgonetas dunha mercantil que se dedica ao transporte de mercadorías.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado as actuacións iniciáronse a cando a Patrulla Fiscal de Vilagarcía, no ámbito das súas competencias específicas, intercepta unha furgoneta no municipio de Cambados e ao inspeccionar o depósito de carburante do vehículo comprobaron que contiña gasóleo de cor avermellada, tipo "B", utilizado para traballos agrícolas, forestais e pesqueiros, evidenciando que se utilizaba gasóleo bonificado para unha actividade que non estaba permitida.
Días máis tardes realizouse unha inspección na sede da empresa, situada na comarca de Caldas, e localizáronse outras catro furgonetas das mesmas características que tamén estaban a utilizar o mesmo tipo de gasóleo bonificado, dándose a circunstancia de que os vehículos que usaban fraudulentamente este tipo de gasóleo eran os que realizaban os roteiros máis longos, como a Benavente e Madrid.
O gasóleo tipo "B" é idéntico ao utilizado polo resto dos usuarios de vehículos de gasóleo, pero pola súa exención impositiva faise necesario dotarlle dunha tinguidura especial de cor vermella, diferenciándoo do amarelado habitual, ao que se lle aplica uns impostos dun 50% menor que o aplicado ao combustible utilizado normalmente en vehículos de transporte.
Por estes motivos procedeuse á extracción das mostras necesarias nas cinco furgonetas, notificando aos responsables da mercantil que se procedida a levantar acta-denuncia para a súa remisión á Xefatura da Dependencia Provincial de Aduanas e Impostos Especiais en Pontevedra, por cinco infraccións á Lei 38/92 sobre impostos especiais.
Durante a inspección realizada na empresa detectouse tamén un depósito para a subministración de gasóleo tipo "A", sen ningún tipo de autorización que, ademais, presentada unhas deficientes condicións de conservación e mantemento e con total ausencia das preceptivas medidas de seguridade.
Esta última irregularidade deu lugar a que se formulase outra denuncia que se remitiu ao mesmo órgano administrativo da Axencia Estatal Tributaria.