Desaloxan de madrugada un edificio de Marín onde arderon por completo o primeiro andar e o ático
Por Redacción
Un incendio que se orixinaba na madrugada deste domingo obrigou a desaloxar aos veciños dun edificio de seis pisos na Travesía do Pumariño, en Marín, segundo a información facilitada polo servizo de emerxencias do 112 Galicia.
Varias persoas particulares chamaron, ao redor das 01.30 horas da madrugada, a emerxencias para alertar da gran cantidade de fume que saía desde o patio de luces do inmoble. Un dos veciños afirmaba, tamén, que se vían chamas no tellado do patio dunha das vivendas.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia púxose en marcha un operativo no que se informaba aos Bombeiros do Morrazo, de Pontevedra e do Salnés, persoal da Policía Local e Protección Civil de Marín e de Poio. Tamén se avisou aos servizos sanitarios e aos voluntarios de Protección Civil de Bueu.
A Policía Local confirmou que todos os residentes no edificio foron desaloxados das súas vivendas para levar a cabo a extinción do lume. Os Bombeiros sinalaron que ardeu por completo o primeiro piso e o ático do edificio provocando que as vivendas dos seis pisos resultasen afectadas polo fume. Segundo o 112 Galicia, descoñécese polo momento que orixino este incendio.