Funcionarios de Xustiza piden a dimisión do director xeral pola polémica dos xurados da Audiencia
Por Redacción
As explicacións que deu esta semana o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, sobre o trato recibido polos integrantes do xurado no xuízo polo coñecido como crime da rozadoira na Audiencia Provincial non deixaron esperar reaccións por parte dos profesionais da Administración de Xustiza.
Enrique Araújo Martinez, delegado sindical do Sindicato de Traballadores/as da Administración de Xustiza (STAJ) en Pontevedra pide a dimisión ou o cese do director xeral polas súas "inasumibles e irresponsables" declaracións feitas na comisión de Xustiza do Parlamento de Galicia a tenor do acontecido coas once persoas compoñentes do xurado na Sección Segunda na Audiencia de Pontevedra.
Martín afirmou, en resposta a unha pregunta da deputada do PSOE Patricia Vilán, que na Xunta de Galicia o persoal "traballa como mínimo ata as tres", pero "non sei se na Audiencia tamén". Estas críticas levaron ao sindicato Alternativas na Xustiza a pedirlle que "pida desculpas públicas" por tan "nefastas" declaracións sobre os funcionarios da administración de xustiza.
O director xeral tamén sinalou que non lle prestaron asistencia aos xurados e os deixaron sen auga, comida "decente" nin cuartos reservados para pasar a noite porque a Audiencia non lles comunicou "en ningún momento" que o xurado estaba deliberando. Ante estas afirmacións o sindicato que reaccionou foi UGT, que lle pide aclaracións sobre como se supón que deberían terlles avisado.
Así, desde UGT solicitan que, de forma inmediata, a Dirección Xeral de Xustiza lles dea unha explicación a UGT sobre as instruccións que en teoría lles deron aos funcionarios dos corpos ao servizo da Administración de Xustiza destinados na Audiencia Provincial en relación coa atención dos membros do xurado.
Desde UGT tamén aclaran que para o debido coidado dos cidadáns membros dun xurado e para atender todas as súas necesidades "xa existe (ou debería de existir) un departamento da propia Xunta de Galicia para o axeitado desempeño desa labor en particular" e que entre as funcións dos traballadores da Audiencia non figura referencia ningunha ao desempeño de labores de protocolo, asistente e xestoría.
Alternativas na Xustiza considera que as declaracións de Juan José Martín no Parlamento de Galicia "superaron, con moito, o límite do tolerable". Aseguran que mentiu "descaradamente" alegando que en ningún momento se lles comunicou que o xurado estaba deliberando e que necesitaban esa atención, pois a Audiencia Provincial comunicou á delegación territorial de Pontevedra o día 20 de marzo a través dun oficio por fax, a celebración dun xuízo con Xurado con duración previsible do 25 ao 29 de Marzo.
"Un xuízo sábese cando empeza e non cando termina, e non pode a administración en ningún momento facer deixamento de funcións alegando datas pechadas", indican desde este sindicato.
Ademais, eloxiaron o "voluntarismo" dos traballadores de xustiza,que foi sempre de tal magnitude que eles mesmos baixaron a supermercados a abastecer de auga e produtos básicos aos xurados cando esa competencia é da Xunta de Galicia, que ten persoal destinado a estes mesteres.
Relacionadas:
-
Así cambiou a atención aos xurados na Audiencia: de dous días sen auga nin comida decente a un trato atento
Por Natalia Puga |
-
Alfonso Rueda pide desculpas en nome da Xunta pola desatención do xurado popular no xuízo do crime da rozadora
Por Redacción |
-
Rueda responderá no Parlamento á polémica sobre o trato ao xurado na Audiencia
Por Redacción |
-
Piden a dimisión do director xeral de Xustiza por cuestionar os horarios dos funcionarios
Por Redacción & Natalia Puga |
-
As "andrómenas" do director xeral de Xustiza, que cuestionou o traballo dos funcionarios e causou enfado na Audiencia
Por Natalia Puga |
-
Xustiza culpa á Audiencia da deficiente atención ao xurado do crime da rozadoira
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE leva ao Parlamento os problemas vividos polos xurados: "Vai depurar responsabilidades a Xunta?"
Por Natalia Puga |
-
Malestar polo trato ao xurado do crime da rozadoira: sen auga en todo o día e ás once da noite sen hotel
Por Natalia Puga |