O PP tenderá a man a Silvia Díaz para gobernar en Poio
Por Oskar Viéitez
O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Poio, Ángel Moldes tenderá a man á concelleira de Avante, Silvia Díaz para gobernar no municipio.
O PP gañou as eleccións en Poio conseguindo 8 concelleiros, un máis que no mandato anterior, supera así ao BNG do actual alcalde a Luciano Sobral con 5 concelleiros e ao PSOE de Chelo Besada con 3. Neste escenario a chave da gobernabilidade tena a concelleira Silvia Díaz, que cobra protagonismo político tras un mandato no que estivo no grupo mixto tras abandonar o BNG.
Só con que Silvia Díaz se abstivese ou se votase a se mesma no Pleno de investidura posibilitaría que Ángel Moldes saíse elixido alcalde.
A candidatura do PP conseguiu sumar 758 votos máis que fai catro anos. Ángel Moldes está convencido de que maioritariamente os veciños "votaron cambio" e que o seu proxecto foi capaz de atraer a votantes doutros partidos, polo que agora apunta que "o futuro goberno terá que ser coherente coa vontade dos veciños".
Por iso Ángel Moldes destacou que "ninguén entendería que o voto a Avante, que o voto a Silvia, servise para que en Poio no canto de ter dous alcaldes pasásemos a ter tres".
Este martes, aproveitando a celebración dun Pleno municipal, Ángel Moldes poñerase en contacto con Silvia Díaz para concertar unha reunión á que "nós non imos con ningunha liña vermella" anunciou o líder popular que pide que para este encontro "esquezámonos das siglas".
"Os veciños demostráronnos que non teñen nada que ver nin con esquerda nin coa dereita, senón que votan por persoas e proxectos", engadiu.
Moldes espera da concelleira de Avante "que actúe con responsabilidade e coherencia" e pídelle a Silvia Díaz "que escoite ao seu equipo que lle pedía un cambio en Poio" e tamén que lembre como a trataron cando se foi do BNG.
Pola súa banda o PP presentarase "con toda a humildade do mundo" para negociar con Avante Poio "sen condicións nin esixencias" e deixando claro que "por nós non vai quedar" xa que "o único que queremos é que Poio mellore".