Deteñen unha veciña de Marín por vender cocaína e heroína polo miúdo no seu domicilio
Por Redacción
A Policía Nacional detivo unha veciña de Marín pola venda polo miúdo de cocaína e heroína a terceiras persoas que a diario frecuentaban o seu domicilio. Co seu arresto, dáse por desarticulado un importante punto negro de venda de drogas polo miúdo.
A detención é resultado da operación Pedreiras, desenvolta por axentes da Policía Nacional das comisarías de Pontevedra e Marín e na que se pescudou que na propia vivenda da detida realizábanse as vendas e á súa vez o consumo da droga por parte dos compradores.
A Policía Nacional tivo coñecemento das presuntas actividades ilegais a principios do presente ano. O Grupo Local Operativo da Comisaría de Marín deu traslado ao Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes de Pontevedra dunhas informacións procedentes de fontes cidadás, e confirmadas por intervencións posteriores de policías da brigada de Seguridade Cidadá na zona.
Segundo indica a Policía Nacional, a actividade no domicilio da agora detida estaba a xerar entre os veciños unha situación de inseguridade, pola gran afluencia ao lugar de persoas alleas, presuntamente toxicómanos, que en ocasións tiñan enfrontamentos entre eles na vía pública.
As investigacións policiais desembocaron na incautación de varias vendas de pequenas cantidades de heroína e cocaína a compradores. Con autorización do Xulgado de Instrución número 1 de Marín, realizaron un rexistro no domicilio de investigada.
Durante o rexistro, interviñéronse pequenas cantidades de heroína e cocaína, así como diferentes útiles para a pesada e manipulación das drogas anteriores, varios teléfonos móbiles así como numerosos papeis con anotacións nos que se especificaban as vendas de droga que levaba a cabo.
A muller, de 51 anos e con antecedentes policiais previos por feitos similares, foi detida por un delito contra a saúde pública e posta a disposición xudicial. O xulgado decretou a súa posta en liberdade, aínda que en calidade de investigada.