Miguel deixa ao seu paso pequenas incidencias nas Rías Baixas
Por Redacción
Galicia mantense este xoves ata as 23.59 horas con alerta laranxa establecida pola Dirección Xeral de emerxencias e Interior con motivo da chegada da cicloxénese explosiva denominada Miguel, que se fixo notar sobre todo entre o mediodía e a media tarde da xornada nas Rías Baixas.
Ao seu paso, as incidencias causadas foron de tipo material. Un dos incidentes máis destacados rexistrábase no Náutico de Sanxenxo a últimas horas da mañá. O vento derrubaba dúas embarcacións que se encontraban fóra da auga nas instalacións portuarias provocando que impactaran entre elas e que caeran das estruturas sobre as que se atopaban.
En diversos puntos deste municipio producíanse tamén caídas de árbores que foron atendidas polos servizos de Emerxencias. Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa foron, segundo o 112 Galicia, dous dos Concellos onde se sumaron máis incidencias en toda Galicia.
En Pontevedra, segundo os datos ofrecidos pola Policía Local, rexistrábase ás 14.36 a caída dunha árbore preto da Estación de Bombeo en Monte Porreiro. Ás 15.10, tamén unha árbore aparecía derrubada á altura da praia fluvial na avenida de Bos Aires. 48 minutos máis tarde caía outra árbore na rúa Alemaña de Monte Porreiro. Un minuto máis tarde se producía outra caída de árbore en Ranseiro, en Castelo Lérez.
Ás 16.07 horas tamén aparecía no chan unha das árbores situadas na praza de Loureiro Crespo, fronte ao Hospital. Dous camións de Bombeiros desprazábanse ás 16.41 á rúa da Oliva debido ao desprendemento de pequenos anacos de madeira procedentes dunha fachada desta rúa. Tamén se rexistraba a presenza de cascallos, segundo testemuñas presenciais, na contorna do edificio de Correos na rúa García Camba, na que un cartel publicitario tamén presentaba perigo de caída.
Nas instalacións do Centro de Tecnificación Deportivo na rúa Padre Fernando Olmedo desprendíanse cascallos da fachada. Tamén desplomábase desde un tellado no cruzamento de ernesto Caballero con Loureiro Crespo unha chapa metálicaque impactaba contra un vehículo.
Segundo o 112 Galicia, os ventos chegaban aos 126 quilómetros por hora no concello de Cuntis, o dato máis elevado dentro da provincia. Noutros municipios como o de Bueu superaban os 100 km/h.