Finxe que lle roubaron a moto do garaxe para evitar que a Policía Local lla precinte
Por Natalia Puga
Quixo evitar que a Policía Local lle precintase a súa motocicleta e rematou detido. A situación viviuna un veciño do barrio de Monte Porreiro que denunciou na Comisaría que alguén lle roubara a moto cando a tiña aparcada no garaxe, pero finalmente acabou confesando que se trataba dunha denuncia falsa coa que pretendía esconder o seu vehículo e que non o encontrase a Policía Local para cumprir cunha sanción pendente.
O citado individuo ten 30 anos e antecedentes policiais e a Policía Nacional identificouno e detívoo como presunto autor dun delito de simulación de infracción penal. Quedou en liberdade coa obriga de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexa requirido.
O agora imputado presentou unha denuncia na Comisaría o 10 de xuño na que relataba que entre os días 1 e 9 de xuño alguén accedeu ao garaxe comunitario, no que non se apreciaron sinais de ter sido forzado, e subtraeu a motocicleta que se encontraba co sistema de bloqueo activado.
A raíz da denuncia os axentes iniciaron as investigacións para o total esclarecemento dos feitos. O home foi citado novamente na Comisaría e na súa declaración recoñeceu ter presentado unha denuncia falsa porque a motocicleta ía ser precintada pola Policía Local e, ao ter coñecemento diso, tratou de ocultala.
A Policía Nacional recorda que a simulación de delito é unha infracción tipificada no Código Penal que consiste en denunciar ser responsable ou vítima dunha infracción penal inexistente. Unido a que a primeira obriga da Policía é comprobar os feitos denunciados, fai que con certa frecuencia persoas que incorren neste delito teñan que responder penalmente por iso.
Ditas denuncias falsas causan en ocasións graves prexuízos no labor policial, cuxos axentes teñen que afrontar as pescudas dos feitos denunciados, perturbando deste modo o normal funcionamento das unidades de investigación.