Perde o móbil nunha noite de marcha e denuncia en falso que llo rouban tres homes cun coitelo
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un mozo de Pontevedra que denunciou en falso que tres individuos armados cun coitelo lle roubaron o móbil tras asaltalo de madrugada na rúa Raíña Victoria cando, en realidade, o perdera durante unha noite de marcha.
O detido ten 20 anos e impútaselle un delito de simulación de infracción penal polo que quedou en liberdade con cargos, pero terá que declarar no xulgado cando o citen. Na súa declaración na Comisaría asegurou que descoñecía as consecuencias de presentar unha denuncia falsa.
Os feitos remóntanse ao 16 de xuño. O agora imputado acudiu á Comisaría para denunciar que camiñaba polas proximidades da rúa Raiña Victoria sobre as 5.00 horas da madrugada cando foi abordado por tres individuos. Segundo relatou, tras esgrimir un coitelo e poñerllo ao colo, ameazárono esixíndolle: "Dame todo lo que tengas".
A continuación, segundo consta na denuncia, os tres asaltantes botárono ao chan. Nese momento, caeulle do peto o teléfono móbil e os tres individuos apoderáronse del para, posteriormente, saír fuxindo á carreira.
A raíz da denuncia os axentes iniciaron as investigacións para o total esclarecemento dos feitos. Entre estas xestións citaron o denunciante de novo na Comisaría para que prestase declaración. O mozo recoñeceu ter presentado unha denuncia falsa e explicou que en realidade o teléfono non llelo subtraeran, senón que o tería perdido no transcurso da noite.