A Xunta mellora a estrada PO-222 en Campo Lameiro e Cuntis
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou o inicio dos traballos de mellora da seguridade viaria da estrada PO-222 en diferentes puntos ao seu paso polos concellos de Campo Lameiro e Cuntis, co fin de mellorar o balizamento da mesma.
Os traballos contan cun orzamento de algo máis de 48.300 euros e consisten na mellora da seguridade viaria nos puntos desta estrada onde hai peitorís de pedra de pouca altura. O obxectivo é o cambio destes elementos para que funcionen mellor como sistema de contención, e á vez, evitar que sexan un obstáculo en caso de accidente.
Con este fin, faranse máis altos os que se atopen sobre canles, repararanse os que estean movidos e instalaranse barreiras metálicas de tipo bionda, con abatementos dos extremos contra o terreo que para evitar danos en caso de accidentes. Ademais, instalaranse novos tramos de barreira de seguridade e recolocaranse as sinais verticais.
"A maioría dos balizamentos situados nestes puntos atópanse sobre pasos superiores de canles, polo que a realización das obras necesitou da autorización pertinente de Augas de Galicia", explicou Cores Tourís.
As obras teñen un prazo de execución de dous meses.