Impulsan a construción dun novo hotel-balneario en Cuntis
Por Alejandro Espiño
Termas de Cuntis está disposta a ampliar o seu negocio termal. Ao seu actual balneario, pretende sumar un segundo centro. Será un hotel-balneario de catro estrelas que construirá nunha parcela de 2.205 metros cadrados situada á entrada do municipio.
O proxecto presentado ante a Xunta de Galicia, que debe autorizar a ampliación e modificación do aproveitamento das augas mineiromedicinais e termais dos mananciais e pozos utilizados por Termas de Cuntis, detalla como será o novo centro.
O hotel-balneario terá a categoría de 4 estrelas e contará con 28 habitacións, repartidas en dúas plantas. A súa capacidade será, por tanto, para 63 hóspedes. Ademais, habilitarase un aparcamento con 35 prazas.
Xunto coas dúas plantas para habitacións -a primeira e a segunda do inmoble-, o centro contará con usos e servizos comúns na planta baixa, mentres que o balneario estará situado no soto das instalacións e terá acceso a un xardín con piscinas ao aire libre.
Esta zona de tratamentos termais, que ocupará 821 metros cadrados, divídese en tres grandes bloques.
No primeiro situarase a zona de atención ao paciente, no segundo estarán todos os tratamentos de auga propiamente ditos, entre outras dotacións con tres piscinas, e, finalmente, haberá unha zona seca na que se previron cabinas de tratamento individual -fisioterapia, masaxes ou termoterapia- e ximnasio.
O proxecto estará exposto ao público durante o próximos vinte días para facilitar que se presenten as alegacións que se consideren oportunas.