Andrés Díaz seguirá como alcalde de Ponte Caldelas e co seu "estilo de portas abertas"
Por Oskar Viéitez
Este sábado quedou constituída a nova corporación de Ponte Caldelas, con 13 concelleiros, dos que oito son do PSdeG-PSOE, tres do PP e dous do BNG. No pleno de investidura Andrés Díaz Sobral foi elixido alcalde en primeira votación por maioría absoluta.
No seu discurso prometeu gobernar dende a maioría, pero co mesmo "estilo de portas abertas, teléfono conectado e cinco minutos dispoñibles sempre para atender á veciñanza tanto nas rúas do centro urbano como nos camiños do rural".
Ofreceu á oposición un "pacto de diálogo" sempre que se poñan os intereses de Ponte Caldelas "por diante de calquera outra consideración".
Deu ás gracias a tódolos votantes nas últimas municipais, "tanto aos que me votaron como aos que optaron por outras forzas" e destacou que ter sido elixido nos comicios nos que rexistrou a maior participación da historia (un 73%) "é todo un plus democrático".
Finalmente esbozou as liñas mestras do próximo mandato no que situou a aprobación do PXOM como unha prioridade, ademais da urbanización das avenidas de Galicia e de Vigo e a apertura dos futuros aparcamentos da Valdarrosa e Central.
Non obstante, situou á futura estación termal de Ponte Caldelas como a "obsesión" que debe cobrar forma durante este mandato. Un proxecto, subliñou "serio e crible, asentado literalmente sobre os erros do pasado. O futuro é noso porque xa non está embargado".
Relacionadas:
-
O PP e o BNG critican o custo do goberno local de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas celebra este venres o seu pleno organizativo para botar a andar o mandato
Por Redacción |
-
Primeira xuntanza do novo goberno de Ponte Caldelas coa vista posta na estación termal e na atención ao rural
Por Redacción |
-
Andrés Díaz, "satisfeito e agradecido" polo apoio dos veciños de Ponte Caldelas ao seu proxecto
Por Alejandro Espiño |
-
Andrés Díaz arrasa en Ponte Caldelas e gobernará con maioría absoluta
Por Redacción |