Tino Fernández dá conta na executiva municipal dos acordos de goberno en Pontevedra
Por Redacción
O tenente de alcalde e voceiro do grupo socialista no Concello capitalino, Tino Fernández, trasladou este mércores aos membros da executiva municipal do PSOE os "excelentes resultados" acadados nas negociacións para gobernar a cidade.
Segundo subliñou, o acordo para os vindeiros catro anos e o reparto de competencias "visibiliza a importancia" do seu partido en Pontevedra, ao permitirlle asumir áreas nas que xa teñen experiencias previas moi positivas "e que ademais forman parte do ADN do Partido Socialista, como Igualdade, Políticas Sociais, Medio Ambiente, Promoción Económica e Emprego".
No encontro da executiva, que tivo lugar na sede municipal do PSOE, Fernández lembrou que os pactos aos que se chegaron co BNG nesta cidade teñen o aval da decisión adoptada no seu día polo comité nacional galego "de facilitar gobernos de progreso". O secretario de Organización dos socialistas sinalou que a propia executiva delegara no grupo municipal a facultade de chegar a acordos "e o resultado final foi moi satisfactorio".
O tenente de alcalde agarda que, ao longo deste mandato, os cidadáns de Pontevedra poidan percibir que hai un xeito de gobernar "sensato, amable e aberto a todo o mundo".
Pola súa banda, a secretaria xeral do PSdeG-PSOE, Maica Larriba, destacou que o resultado das eleccións de maio amosou que "o traballo dos concelleiros socialistas no anterior mandato foi positivo". Ao seu xeito de entender, o incremento de votos pon de manifesto que as veciñas e veciños de Pontevedra "consideran que o goberno local é mellor coa presenza do Partido Socialista que aporta estabilidade e novas ideas ao proxecto de cidade".
Larriba tivo tamén palabras de agradecemento para os compoñentes da agrupación municipal do PSOE, "que se volcaron co comité de campaña e que apoiaron, en todo momento, día a día, ao candidato". En opinión da secretaria xeral, "agora ábrese un novo tempo para Pontevedra", no que os catro representantes socialistas no Concello "van ter un traballo moi intenso" para o que precisarán "todo o respaldo da executiva e da militancia socialista".
A executiva municipal tamén se decidiu que o voceiro municipal do PSOE volva dar conta do pacto de goberno para o Concello de Pontevedra, neste caso ante a militancia, nunha asemblea local prevista para o vindeiro venres 28 de xuño, ás 20.00 horas, na Residencia de Estudantes.
Relacionadas:
-
A corporación municipal organízase para afrontar o novo mandato
Por Alejandro Espiño |
-
"Novo ciclo" no goberno municipal: "Estamos contentos de comezar a traballar"
Por Alejandro Espiño |
-
BNG e PSOE rubrican un pacto de goberno baseado na "lealdade" e no "respecto mutuo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |