Detidas tres mulleres croatas por roubar en dous pisos de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Policía Nacional informou da detención de tres mulleres de 31, 27 e 21 anos que formaban parte dun grupo criminal itinerante especializado no roubo de pisos.
O arresto produciuse en Xixón e os axentes consideran que as detidas, de nacionalidade croata, son autoras de dous roubos en pisos de Pontevedra e outros catro roubos en domicilios de Xixón así como tres tentativas nesta localidade asturiana.
Segundo informou a Xefatura Superior de Policía, estas tres mulleres chegaron en coche a Asturias despois de perpetrar os roubos en Pontevedra.
Os axentes sorprendéronas in fraganti cando estaban a tentar abrir a porta dunha das vivendas cunhas tarxetas plásticas utilizando o denominado método do resbalón.
No momento da detención as mulleres, que tiñan máis ferramentas no coche, levaban postas luvas e portaban grandes bolsos de man con ferramentas, xoias, 350 euros cada unha e outro par de luvas e calcetíns que usaban nos roubos para non deixar pegadas.
O titular do xulgado de instrución de garda en Xixón determinou o ingreso en prisión dunha delas, que se atopa no centro penitenciario de Asturias.
A investigación segue aberta para identificar a máis integrantes do grupo criminal xa que os axentes cren que poderían desprazarse a outras zonas do norte para actuar en distintas localidades e despois regresar co botín á súa base de operacións onde dispoñerían das canles adecuadas para a distribución da mercadoría roubada.