Ludoteca gratuíta en Moraña para favorecer a conciliación este verán
Por Redacción
Durante os meses de xullo e agosto, o Concello de Moraña poñerá en marcha un plan de conciliación estival para atender aos escolares durante o seu período de vacacións. A principal actividade que, segundo o goberno local, vai poñerse en marcha será unha ludoteca en horario matinal. Esta iniciativa é gratuíta ao longo dos dous próximos meses, en horario de 09.00 a 14.00 horas, agás días festivos.
As familias interesadas deberán inscribir aos menores a partir deste luns 24 de xuño na Casa da Cultura e poderán formalizar a matrícula en quendas semanais, quincenais ou mensuais, atendendo ás necesidades.
As prazas están limitadas, segundo alertan desde o goberno da alcaldesa Luisa Piñeiro. O número de participantes sitúase ao redor de 80 menores, segundo as demandas detectada noutros veráns.
Desde o Concello tamén se anunciou que están a preparar o Plan Madruga para atender aos escolares na franxa horaria anterior á súa entrada no centro escolar. Comezará a funcionar o próximo curso escolar o 11 de setembro cun horario entre as 08.00 e as 09.15 horas. A inscrición abrirase o 1 de setembro e o prezo sitúase en 25 euros mensuais, que ascende a 30 euros no caso de incluírse o almorzo. As prazas tamén son limitadas.