A Deputación convenia con 43 concellos un proxecto europeo de aforro e eficiencia enerxética
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou este luns os convenios cos alcaldes e representantes de 43 concellos da provincia que teñen menos de 20.000 habitantes para participar nun proxecto europeo de aforro e eficiencia enerxética que permitirá substituír 7.519 puntos de luz por luminarias LED.
O proxecto conta cun orzamento de 4 millóns de euros, dos que 3 millóns achégaos a Unión Europea. A Deputación obtivo estes recursos a través dunha convocatoria do IDAE, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía.
Carmela Silva lembrou que "a sustentabilidade ten que ser unha prioridade das nosas liñas de traballo" e, por iso, expresou o seu convencemento de que "a axenda medioambiental ten que marcar a política do século XXI".
A presidenta da Deputación informou aos alcaldes que, en canto a nova corporación estea constituída, convocarán unha reunión na que falarán "destes e máis proxectos".
Entre os programas medioambientais que a Deputación porá en marcha de xeito inmediato, resaltan as achegas destinadas á substitución de caldeiras de combustible non renovable por caldeiras de biomasa ou a renovación do alumeado público exterior en BICs.
A Deputación tamén se presentará á nova convocatoria do IDAE para impulsar a economía baixa en carbono (para todos os concellos, sen límite de habitantes), os fondos europeos LIFE para un proxecto piloto centrado en prestar solucións sustentables e innovadoras no tratamento de augas residuais de pequenos núcleos ou o "Life CircWeee-Weee" para a recollida selectiva e a reciclaxe de residuos de pilas e acumuladores.