Queres achegarte ás causas e efectos do cambio climático dun xeito didáctico? Tes unha cita no Carabela
Por Redacción
As causas, efectos e implicacións do quentamento global e do cambio climático poden parecer circunstancias afastadas da poboación e máis propias do ámbito científico e académico, pero teñen relación directa co conxunto da sociedade. Para trasladar esa implicación e achegala a toda a poboación, este xoves hai organizada unha actividade divulgativa no centro de Pontevedra.
A Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo trae por primeira vez á cidade o ciclo 'Conversas sobre Cambio Climático' que levan celebrando durante do o curso académico en Vigo. Será cunha charla prevista para este xoves na terraza do coñecido café-bar Carabela, na praza da Estrela.
A charla, prevista para as 20.00 horas deste xoves 27 de xuño, correrá a cargo do catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira. Estará acompañado pola xornalista de PontevedraViva Natalia Puga.
Este ciclo de conversas impulsado desde a Universidade ten o obxectivo de analizar, con carácter divulgativo e desde un punto de vista científico, a realidade actual do cambio climático. Servirá, ademais, para afondar na xestión socioeconómica desta problemática.
Nesta primeira cita en Pontevedra, a organización optou por un formato máis aberto a través dun coloquio con Labandeira, catedrático de economía na Universidade de Vigo que forma parte do grupo de investigación Rede e codirixe a Cátedra Naturgy sobre Enerxía e Desenvolvemento Sostible.
Labandeira forma parte do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC) para a elaboración do seu Quinto e Sexto Informes de Avaliación (respectivamente completado en abril de 2014 e previsto para xullo de 2021) e desde 2018 é membro do 'Policy Outreach Committee' de EAERE.
A investigación de Labandeira sitúase na fronteira entre a economía climática, pública e enerxética e sobre todos estes aspectos xirará a súa intervención.
Entre outras cuestións, falará da importancia do problema que supón o cambio climático en termos sociais e económicos, a situación actual, o que queda por facer e como esta problemática está sendo afrontada por diferentes axentes e institucións.
O experto explicou no Duvi da Universidade de Vigo que buscará neste coloquio promover unha reflexión sobre "que tipo de actuacións podemos levar a cabo para enfrontarnos a este problema", poñendo o foco nas políticas públicas, eixo central do seu labor investigador neste eido, pero tamén nas actuacións que poderían levar a cabo tanto as empresas como a propia cidadanía.