Barro volverá 'emocionarse' cos viños das mellores adegas
Por Redacción
O Pazo da Crega acollerá esta fin de semana a novena edición da Emoción dos Viños, un evento no que o público poderá degustar viños de máis de setenta adegas galegas, do resto do Estado español ou mesmo de Portugal.
Ademais de poder catalos, as persoas que se acheguen poderán informarse acerca dos viños cos propios viticultores e elaboradores, que estarán todo o fin de semana en Barro para promocionar as súas elaboracións.
O sábado 27 o horario será partido, de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas, mentres que o domingo será unha xornada continuada desde as 11 ás 15 horas.
O prezo da entrada é de quince euros para o sábado e de dez para o domingo e se alguén quere asistir ás dúas xornadas poderá facelo por só 20 euros.
As entradas poden mercarse anticipadamente ou poden ser adquiridas en billeteira durante o transcurso do evento e con elas os asistentes recibirán unha copa serigrafiada coa que poderán degustar todos os viños presentes.
Para asistir a este evento, haberá un servizo de autobuses entre Pontevedra e Barro ao igual que o pasado ano, para quen queira deixar o coche na casa.
Os organizadores, Antonio Portela e Marina Cruces, destacaron que esta novena edición quere dar unha especial cabida aos viños que van máis alá da produción masiva e que queren transmitir os matices da elaboración e da terra.
Para o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que a Emoción dos Viños se volva celebrar novamente en Barro é unha satisfacción por todo o que significa este evento no mundo do viño en Galicia e porque tamén serve para dinamizar a economía local durante toda a fin de semana.