Carmela Silva, sobre o pacto entre PSOE e BNG na Deputación: "Gustaríame pechalo canto antes"
Por Manu Otero
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, referiuse esta mañá ao estado das negociacións para reafirmar o pacto de goberno entre PSOE e BNG para o próximo ciclo político. A mandataria subscribe as declaracións de David Regades (PSOE) e do vicepresidente César Mosquera (BNG) nas que aseguraban que o acordo está próximo a pecharse.
Con todo, Silva evitou poñer unha data límite para a firma do mesmo e afirmou que mesmo podería producirse despois do pleno de investidura que terá lugar o vindeiro mércores. "Estou moi orgullosa de ter presidido durante catro anos esta Deputación e estaría moi honrada de volvelo facer", declarou.
Un aspecto que si quixo deixar claro a presidenta é que, polo resultado electoral no que o PSOE incrementou o seu número de deputados (pasou de 10 a 13), "o reparto terá que ser diferente", dixo Silva deixando entrever que o peso dos socialistas no novo goberno será aínda maior.
Aínda así, a presidenta explicou que o acordo será "programático" e que a repartición de áreas non ten gran importancia debido a que "haberá diálogo e acordos para tomar decisións en todo. As áreas non son departamentos estancos", subliñou.
ESCOLA DE CANTEIROS
Na sesión plenaria de onte do Parlamento de Galicia, o grupo popular rexeitou unha iniciativa de En Marea que pedía instar á Xunta a iniciar os trámites para homologar os títulos da Escola de Canteiros de Poio para convertelos en títulos de ciclo medio e superior.
Cuestionada sobre este feito, a presidenta cargou con dureza contra os populares. "Vaia morro que ten o PP e a Xunta", dixo Silva, quen lembrou que durante a campaña electoral un dirixente do PP visitou aos alumnos para prometerlles a homologación dun título de Formación Profesional Superior pero "era mentira", criticou a socialista. Tras aquel anuncio, Silva enviou unha carta á Xunta para coñecer a evolución do proceso e, segundo ela, non recibiu resposta.
Argumenta a presidenta que as únicas administracións competentes para homologar este tipo de títulos son a Xunta e o Goberno do Estado. Aínda así, "estou disposta a que Feijóo delegue en min as competencias para homologar se el non é capaz", engadiu antes de facer fincapé na necesidade de homologar os ensinos que se imparten en "unha das escolas máis potentes de Europa" e de proclamar o seu apoio á comunidade escolar.