Un pai recoñece que abusou da súa filla menor durante tres anos e acepta dez anos de prisión
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Abusou da súa filla menor durante tres anos no seu domicilio familiar. Aproveitando que durmían xuntos a sesta, tocábaa por todo o corpo. Un pai pontevedrés sentou este xoves no banco dos acusados da Audiencia Provincial e recoñeceu este comportamento, polo que leva en prisión máis dun ano e seguirá outros nove.
O home, cuxa identidade non se facilitará para preservar a identidade da súa vítima, recoñeceu todos os feitos dos que o acusaba o fiscal e asumiu unha condena a dez anos de prisión, dos que o primeiro xa o cumpriu en prisión provisional. Inicialmente enfrontábase a doce anos de cárcere, pero o recoñecemento dos feitos valeulle unha redución de dous anos na condena.
Ademais, aceptou a medida de liberdade vixiada por tempo de oito anos e 15 anos de prohibición de aproximarse á súa filla, o seu domicilio, lugar de traballo/colexio ou calquera outro frecuentado por ela a unha distancia inferior a 200 metros. Tampouco poderá comunicarse con ela por calquera medio e deberá pagarlle unha indemnización de 40.000 euros.
O acusado perderá a patria potestade da nena, que na actualidade ten 17 anos, e impúxoselle a inhabilitación especial para profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que conleve contacto regular e directo con menores de idade por tempo superior en cinco anos á pena de prisión imposta.
Os feitos que recoñeceu ante o tribunal da Sección Cuarta da Audiencia ocorreron, por primeira vez, en agosto de 2015 e logo de forma reiterada entre os anos 2016 e 2018. Actuou, segundo o fiscal, "con ánimo libidinoso".
En concreto, foi condenado como autor dun delito de abuso sexual continuado que recoñeceu en todo momento. Fíxoo durante unha pequena vista oral celebrada na mañá deste xoves a porta pechada nunha sala da Audiencia Provincial. A continuación, abandonou o edificio xudicial coa cara totalmente tapada nun vehículo policial que lle levo de regreso ao cárcere.