A alcaldesa de Moraña deseña un goberno con responsabilidades para os seus seis concelleiros
Por Redacción
O Concello de Moraña xa ten definida unha proposta de funcionamento para o próximo mandato. O xoves terá lugar o pleno de organización municipal no que o goberno encabezado por Luisa Piñeiro repartirá funcións entre os seis concelleiros electos do PP.
Do mesmo xeito que nos mandatos anteriores, haberá unha soa dedicación exclusiva que caerá en mans da rexedora cun importe de 35.000 euros anuais brutos.
O futuro executivo terá como concelleiro de Contas, Facenda e Patrimonio a José Cela; de Cultura, Educación e Turismo a Norma Caldas; de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente a Manuel Ruibal; de Igualdade, Política Social e Sanidade a Adrián Fernández-Albor; de Deporte, Xuventude e Participación Cidadá a María José García; e de Promoción Económica, Emprego, Industria e Comercio a Pedro Souto.
Todas estas áreas terán conformada a súa respectiva comisión informativa, que serán presididas en todos os casos por Luisa Piñeiro.
As tres tenencias de alcaldía recaerán en José Cela, Norma Caldas e Adrián Fernández-Albor. As retribucións para os edís por asistencia aos órganos colexiados fixarase en 50 euros por cada sesión plenaria e 25 euros, por comisión informativa.