Denuncian o asentamento ilegal en Praceres dos feirantes das festas de Marín
Por Redacción
Multitude de camións e caravanas ocuparon os terreos do antigo campo de fútbol dos Praceres. Son feirantes que participarán os próximos días nas Festas do Carme de Marín. Este feito non gustou á asociación de veciños Estriceres de Lourizán, que vén de denunciar a ocupación ilegal deste asentamento.
Os veciños aseguran que os feirantes chegaron a Praceres por indicación de representantes do Concello de Marín.
O colectivo veciñal xa denunciaron os feitos ante a Policía Local e ante Costas, titular dos terreos nos que está este asentamento, e esperan que desde as autoridades competentes se lles obrigue a desmantelar este campamento ilegal canto antes.
Aseguran ademais que os habitantes deste asentamento conectáronse de maneira irregular á liña eléctrica e non dispoñen de ningún sistema de saneamento das augas, polo que afirman que "pode derivar nun problema de salubridade pública para os veciños dos Praceres".
Costas, recordan desde a asociación veciñal, obrigou aos veciños a retirar as cruces cravadas do chamado "Campo da dignidade", en protesta pola depuradora, polo que esperan que "con maior motivo" obriguen aos feirantes a abandonar estes terreos.
Os veciños critican tamén a "vergonzosa" actitude do Concello de Marín, xa que "críamos que eramos o patio traseiro de Pontevedra, pero agora comprobamos con asombro que tamén o somos de Marín" e acusan á alcaldesa de tratalos como un "descampado" para meter aos feirantes das súas festas. "Necesitamos políticos máis responsables e con máis ética", sinalan.