PortAmérica, punto de partida para a campaña contra os plásticos que chegará a todos os festivais do verán
Por Redacción
O festival PortAmérica que se celebra durante esta fin de semana en Caldas de Reis será tamén o pistoletazo de saída para a campaña 'Experiencias sostibles', que a Deputación de Pontevedra levará durante este verán a todos os festivais, festas e praias da provincia.
'Experiencias sostibles' instalará un stand informativo este venres entre as 17.00 ata as 22.00 horas na carballeira de Caldas e repartirá material divulgativo da campaña. Entre outros, distribuirán folletos informativos, imáns, bolsas de tea e vasos compostables (plásticos biodegradables elaborados a partir de plantas).
O obxectivo último é concienciar sobre a contaminación polo uso de plásticos no medio natural e as consecuencias dos mesmos e potenciar a eliminación do seu uso.
Tras pasar por PortAmérica, o 12 de xullo estará na alameda de Cambados; o 13 de xullo, no casco histórico e o porto de Combarro; o mércores 17 de xullo, na praza dos Barcos de Sanxenxo; o xoves 18, no parque Miguel Hernández, en Vilagarcía; o 26, no Festival Atlantic Fest, na Illa de Arousa.
No mes de agosto, a primeira parada será o día 2 no Festival Sonrias Baixas, en Bueu; o día 11 estará no Festival Revenidas, en Vilagarcía de Arousa; o 22 atoparase en Pontevedra, na praza do Concello e na Ferrería; e o 23 de agosto, no Náutico de San Vicente do Grove, entre outras localizacións.
En total, 'Experiencias Sostibles' terá 20 accións en todos aqueles eventos e escenarios que concitan a asistencia de público.
A deste 2019 é a segunda edición da acción da institución provincial a prol da concienciación da contaminación polo uso de plásticos e de aliñamento cos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), en concreto co obxectivo 13 de Acción polo Clima. Con esta iniciativa búscase converter á provincia nun destino sostible, reforzando a aposta da Deputación polo medio ambiente.