O Concello replica ao PP que máis do 50% das adxudicacións de contratos a empresas foráneas fixoos o seu partido
Por Redacción
O Goberno local de Pontevedra tardou apenas unhas horas en dar a réplica ás críticas do PP sobre os investimentos municipais en empresas foráneas. Fíxoo tamén a través dun comunicado no que a Concellaría de Economía e Facenda sinala que "quere desmentir" as críticas e valora que "trátase dunha burda terxiversación de datos económicos".
Segundo o departamento que dirixe Raimundo González, estas críticas demostran que o Partido Popular "minte conscientemente á hora de presentalos ante a opinión pública" e que o fai "coa única intención" de pór en cuestión a política de retorno na economía local que o Goberno de Miguel Anxo Fernández Lores "practica dende hai anos".
O concelleiro Raimundo González explica que o PP "mete nun único saco" os contratos de xestión de servizos (abastecemento, recollida de lixo, tratamento de lixo) recollidos no capítulo de gasto corrente cos contratos de investimento recollidos no capítulo de inversións do Concello de Pontevedra.
O edil valora que "sen dúbida son contratos que, en boa lóxica, non se han de mesturar" e replica aos 'populares' que "deberan estar calados", dado que máis 50% das contas que eles mesmos botan son adxudicacións de servizos a empresas realizadas durante o Goberno do alcalde do PP Juan Luís Pedrosa.
Neste punto refírese, en concreto, aos contratos a Aquagest, Cespa ou Sogama que menciona o PP nas súas críticas e dos que Raimundo González matiza que "o Goberno de Lores soubo mellorar e obter a maior rendibilidade en beneficio da cidade".
En resposta ao resto das críticas, dende o concelleiro nacionalista asegura que o Goberno Local ten "como norma de actuación" a contratación de empresas locais (ou galegas, no seu defecto) para que o retorno económico das arcas municipais "quede nos propios veciños" de Pontevedra. Segundo Raimundo González, esta forma de actuar demostrana a organización dos eventos deportivos o a contratación da obra pública.