O PP critica que pouco máis do 20% do investimento municipal queda en empresas da cidade
Por Redacción
Grandes grupos de infraestruturas e servizos controlados desde Madrid e Cataluña, unha multinacional de capital hindú e a empresa pública Sogama comparten con varias compañías locais os primeiros postos do ranking de facturación municipal do ano 2012 na cidade de Pontevedra, segundo os datos que manexa o Partido Popular. En base a estas cifras, os 'populares' critican o escaso retorno do investimento municipal nos propios pontevedreses.
Segundo as críticas formuladas nun comunicado polo PP pontevedrés, as concesionarias do abastecemento de auga, Aquagest (da catalá Agbar), e da recollida de lixo, Cespa (participada integramente pola madrileña Ferrovial), encabezan o listado "con notable vantaxe". Facturan 5,7 e 5,6 millóns de euros, respectivamente, fronte ao 1,7 de Unión Fenosa Comercial S.L. (posto terceiro), que habería que sumar aos 994.000 de Gas Natural S.U.R. SDG (posto noveno), pois ambas forman hoxe parte do mesmo grupo empresarial catalán.
Nesta nómina "chama atención" ao PP tamén o peso de Elsamex, con preto de 1,4 millóns de euros. Esta multinacional de capital hindú "beneficiase" desde o ano 2006 do contrato de mantemento e conservación de xardíns, coas dúas últimas prórrogas do servizo asinadas polo equipo de goberno de Miguel Anxo Fernández Lores. E todo "obviando as advertencias de ilegalidade de distintos departamentos municipais, extremo que foi recentemente confirmado polo secretario de pleno da corporación a instancias do Partido Popular", sinalan os 'populares'.
En base a estes mesmos datos, en total, entre as compañías que facturaron por enriba do medio millón de euros o pasado ano ao Concello de Pontevedra, o 72,5% foi para corporacións empresarias foráneas. O resto quedou en Galicia, con cerca dun millón para a empresa pública autonómica encargada do complexo de xestión de residuos de Cerceda, Sogama. Un 23,3%, incluídos os 1,4 millóns da UTE da Ponte das Correntes, cunha parte asturiana e outra coruñesa, foi para firmas locais, é dicir, 5,3 millóns de euros.
O Partido Popular entende que o alcalde Lores, "por simple transparencia informativa, debería publicar este listado" na súa páxina web. Deste xeito, "ademais de posibilitar que calquera veciño poida coñecer estes datos de distribución dos cartos municipais, paliaría en parte a mala imaxe que ofrece habitualmente co seu empeño en traballar con absoluta opacidade".
Ao respecto, recordan que esta "práctica" valeu a Pontevedra o último posto en transparencia entre os consistorios urbanos galegos segundo o índice calculado pola organización non gobernamental Transparency Internacional (TI), unha entidade da que sosteñan que está "dedicada a combater a corrupción nas administracións públicas".