Un mozo resulta ferido ao caer da Torre de San Sadurniño, en Cambados
Por Redacción
Un mozo resultou ferido de consideración a última hora da tarde deste mércores en Cambados tras caer desde a Torre de San Sadurniño, situada nun illote do barrio mariñeiro de San Tomé.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, os feitos ocorreron pouco antes das 20.00 horas cando o mozo precipitouse ás rocas desde o alto da torre e sufriu un traumatismo na cabeza.
Un particular alertou ao 112 Galicia, que activou o operativo para a atención do ferido. Ademais dos profesionais do sanitarios, ao momento dirixíronse os membros do servizo local de emerxencias co fin de colaborar na asistencia e traslado do mozo ata a ambulancia.
Segundo indica o 112, a pesar do golpe, a persoa estaba accesible. Deste xeito, descartouse a intervención de servizos de rescate por mar, pero si por terra para colaborar co persoal médico na evacuación do ferido.