CC.OO logra os nove delegados en xogo nas oficinas centrais de Ence
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Comisións Obreiras fíxose con todo o control do comité de empresa das oficinas centrais de Ence Pontevedra. Logrou os nove representantes que se elixían este luns nas eleccións sindicais, segundo informou o propio sindicato.
Ata agora o comité estaba composto por sete delegados de CC.OO e por dous de UXT, pero nesta ocasión só Comisións Obreiras logrou presentar candidatura, polo que todos os membros electos do comité serán integrantes da súa lista.
O sindicato considera que, tras os posicionamentos diferenciados de CC. OO, UXT e CIG respecto ao futuro da empresa e a participación ou non nas mobilizacións en defensa dos postos de traballo, este feito é "suficientemente ilustrativo".
Engaden que este resultado mostra o apoio do persoal de traballadores á acción sindical desenvolta por Comisións Obreiras e o rexeitamento ás posicións "seguidistas" de UXT e CIG das actuacións impulsadas polo BNG e o PSOE para pechar a fábrica de Pontevedra.