O Centro de Educación Especial Pontevedra, único en Galicia en obter dous proxectos Erasmus 2019
Por Redacción
O Centro de Educación Especial de Pontevedra é unha institución pública de ensino que atende a estudantes con necesidades educativas específicas asociadas á discapacidade. Estes días atópanse de celebración despois de que obtivesen dous proxectos Erasmus + 2019, converténdose no único centro de educación especial de Galicia que logra este resultado.
Desta forma, o proxecto titulado 'Inclusión, diversidade e visibilidade' permitirá ampliar a formación do profesorado a través de cursos e mobilidades de Job Shadowing en diferentes países europeos.
Por outra banda, un segundo proxecto levará a catro estudantes de Programas de Formación Profesional Básica adaptada a realizar mobilidades de curta duración en Portugal, permitindo que leven a cabo a formación en centros de traballo.
A suma das subvencións para estes dous proxectos alcanza os 20.000 euros. Con estes proxectos e coas diferentes actividades que levan a cabo neste centro búscase, entre outros obxectivos, o desenvolvemento da aprendizaxe interdisciplinar, aumentar as posibilidades de emprego e mellorar as competencias lingüísticas cunha maior participación en actividades da sociedade, ademais de aumentar a conciencia sobre os valores da Unión Europea e a aplicación de novas tecnoloxías á formación profesional destes estudantes.