Artesanía con deseño atlántico, ata o 4 de agosto na Ferrería
Por Redacción
A marca propia dos produtos artesanais do Atlántico amósase durante dúas semanas e media na contorna da praza da Ferrería a través da Feira Atlántica de Artesanía e Deseño Chalana.
este mércores, as 13 casetas abrían para ofrecer mostras de practicamente todos os oficios artesanais, desde madeira ata roupa pasando por esmaltes ao fogo, xoguetes ou xoias, entre outros.
Edita Oca, portavoz da Asociación Deseño Atlántico sinalaba que nesta décimo segunda edición se dan cita catro novos expositores e ademais de representantes da comunidade galega, tamén se ofrecen produtos procedentes de Sevilla e de Granada.
Desde o momento de apertura das casetas, decenas de persoas se achegaban a ver os diferentes materiais en venda. Edita Oca entende que economicamente esta cita funciona e, neste sentido, sinalaba que se os expositores queren repetir cada ano é porque resulta positiva.
Anabel Gulías, a concelleira portavoz do goberno local, ahcegábase ata as instalacións e defendía a marca propia asegurando que existe unha importante clientela fixa a esta Feira. Gulías indicaba que os espazos públicos están para poñer en valor estes produtos e ofrecer alternativas ás compras convencionais con materiais diferenciadores.
Chalana permanecerá aberta ata o 4 de agosto con horario de 11.00 a 14.00 e de 19.00 a 22.30 horas.