Cuntis recibe unha axuda de 72.000 euros da Xunta polo servizo mancomunado de atención temperá
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Xunta de Galicia concedeu 72.118,37 euros ao Concello de Cuntis, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia, para o desenvolvemento do servizo mancomunado de atención temperá.
O municipio de Cuntis, que dirixe o alcalde socialista Manuel Campos, é o encargado de coordinar este programa que se leva a cabo no polígono da Ran, na parroquia de Santa María de Cuntis, coa participación de menores de 6 anos dos concellos de Barro, Moraña, Caldas de Reis, Portas, Catoira e Cuntis.
Tres profesionais atenden a 56 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e os 6 anos. A través deste programa identifícanse os trastornos que poidan padecer estes menores, co obxectivo de que se poidan previr e establecer tratamentos para atender as súas prioridades.
Este proxecto realízase con financiamento inicial dos concellos, que agora reciben a subvención por parte da Xunta de Galicia.