Condenado un home que deu un empuxón e un lapote á súa ex nun 'súper' e díxolle: "Puta, agora vaiteme a denunciar"
Por Natalia Puga
"Filla de puta, no soy ningún ladrón", "Puta, ahora vaiteme a denunciar", "Puta, puta" (sic). Son algunhas das frases que tivo que escoitar unha muller que acudiu a un supermercado de Marín e alí atopou ao seu ex marido. Ao vela, dedicoulle insultos e todo tipo de frases malsoantes a pesar de estar en público. A presenza de testemuñas tampouco lle cortou e chegou a atacala fisicamente dándolle un empuxón e un lapote.
Os feitos ocorreron o 8 de maio de 2015 e tardaron máis de dous anos en chegar a xuízo. O atraso na tramitación da causa permitiu ao home beneficiarse dunha circunstancia atenuante de dilacións indebidas, de modo que a condena quedou nunha orde de afastamento e traballos en beneficio da comunidade.
O Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra condenouno en novembro de 2017 como autor dun delito de malos tratos no ámbito de violencia contra a muller, no que incluíu un delito leve de inxurias, pero a súa vítima mostrou o seu desacordo en que se lle aplicase atenuante, de modo que recorreu. Finalmente, existe sentenza firme catro anos despois dos feitos e confírmase esa pena coa que a vítima non estaba confiorme.
A nova sentenza, que acaba de ditar a Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, ratifica a pena anterior. En concreto, impuxéronlle 31 días de traballos en en beneficio da comunidade (TBC), un ano de prohibición de dereito á tenencia e porte de armas e a prohibición de aproximarse a menos de 100 metros da súa ex muller, o seu domicilio, lugar de traballo e lugares que frecuente durante nove meses. No caso de que non cumpra os TBC, deberá cumprir seis meses de prisión e a orde de afastamento sobe a un ano e nove meses.
A sentenza declara probado que o home se atopou coa súa ex esposa no supermercado e, ao vela, díxolle a berros a unha muller que lle acompañaba: "déjame coger un carro, que mañana tengo a la policía en la puerta", "filla de puta, no soy ningún ladrón", "acaba de un carallo de una vez, eu non sou un ladrón", "puta, o que te gusta un carallo, que andas con un maricón cogida del brazo" (sic), en relación á nova parella da muller.
A muller acabou a compra e dirixiuse á caixa para pagar, pero el non a deixou en paz e púxose xusto detrás dela mentres seguía repetíndolle, tamén a berros: "acaba de una vez". Ademais, deulle un empuxón e un lapote no brazo esquerdo, que non lle causou lesión, á vez que lle dicía: "puta, ahora vaiteme a denunciar" (sic).
A ex muller xirouse e acabou dicíndolle: "déjame en paz". El non se detivo e seguiu insultándoa a berros: "puta, puta". Non cesou na súa actitude ata que o persoal do supermercado auxiliou á muller.
Tras estes feitos, e sen esperar a que o caso chegase a xuízo, un xuíz impuxo ao home unha orde cautelar de afastamento, pero tan só estivo activa seis meses, entre maio e novembro de 2015.