O PSOE rexeita o Plan Económico Financieiro de Cerdedo-Cotobade para "facer reflexionar" ao Goberno
Por Redacción
O grupo municipal do PSOE no Concello de Cerdedo-Cotobade explicou este xoves que o mércores votou en contra do Plan Económico e Financieiro que o equipo de Goberno do PP levou ao Pleno da Corporación para "facer reflexionar" ao Executivo local.
O Plan, que resultou aprobado cos votos a favor dos concelleiros do Partido Popular, é, segundo o PSOE, froito dunha necesidade derivada do incumprimento da regra de gasto. Así, critica que actualmente existe un "desfase desmesurado" entre os ingresos e os gastos do consistorio.
Os socialistas critican que estes gastos tamén se ven incrementados debido a aprobación de dúas adicacións exclusivas e sosteñen que o alcalde, Jorge Cubela, que era un grande abandeirado dunha única adicación exclusiva e criticaba a época do bipartito, aprobou esta segunda adicación que vai supor un gasto adicional.
María Lourdes Ouvelleiro Garrido, a tenente de alcalde, eleva o seu soldo de funcionaria en 11.000 euros como concelleira, segundo sostén o PSOE, de maneira que os soldos do alcalde e da tenente de alcalde cistarán aos veciños máis de 100.000 euros anuais.
Dende a agrupación socialista xustifican o seu voto en contra polas "irresponsabilidades" que motivaron a súa necesidade e non pola elaboración de plan como tal.
Por outra parte, desde a agrupación que lidera Lina Garrido cuestionan que o PP de Cerdedo-Cotobade vota en contra de forma sistemática as mocións presentadas polo PSOE. Na última sesión deste mércores 24 presentaron tres mocións que non se aprobaron polos votos en contra dos compoñentes do Partido Popular.