O BNG denuncia un 'Venres Negro' da TVG en Poio polo uso "partidista" da canle pública para danar a imaxe do turismo
Por Redacción
O BNG de Poio denuncia o uso "partidista" que o goberno autonómico fai da Televisión de Galicia (TVG) para danar a imaxe do turismo na localidade e súmase á reivindicación dos empregados da CRTVG na súa loita a través dos chamados 'Venres Negros', xornadas reivindicativas nas que os traballadores protestan contra a "manipulación informativa" dos medios públicos galegos e para pedir o cumprimento da Lei de Medios de Galicia.
Os nacionalistas fan esta denuncia este sábado por mor de dúas informacións ocorridas este venres. Por un lado, a TVG desprazouse ata Poio para realizar unha noticia sobre unha denuncia que a Policía Local e o Goberno local aseguran que non é certa e, por outro, non lle deu cobertura a unha manifestación realizada pola veciñanza de Chancelas para demandar maior seguridade viaria.
Xusto esta situación deuse nun 'Venres Negro', no que o BNG de Poio critica que os empregados da canle pública "tiveron que cubrir unha nova falsa" como parte da "utilización por parte do Partido Popular da TVG como un instrumento de propaganda do seu partido". Neste caso, segundo os nacionalistas, o obxectivo foi "intentar que dunha vez por todas, o candidato do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, siga a intentar ser alcalde".
Segundo denuncia o BNG, os servizos informativos da TVG contaron unha noticia sobre a presenza de ratas nas inmediacións da praia de Sinás, pero dita información foi negada rotundamente por efectivos da Policía Local, por membros do propio Goberno nacionalista e mesmo por hosteleiros da zona.
Horas máis tarde, estaba convocada unha marcha reclamando a mellora da seguridade vial na zona de Chancelas, onde días atrás foi atropelado un menor, e a TVG, que si estivera en Poio pola mañá, non acudiu para contala.
Os nacionalistas chegan á conclusión de que as reivindicacións da veciñanza nunha estrada de competencia autonómica non interesa á Xunta de Galicia, gobernada polo PP, pero "sorprendentemente si interesa xerar unha alarma social en plena tempada alta de turismo, para así deteriorar a imaxe do noso Concello".
O BNG de Poio aproveita para criticar a pasividade da Xunta en relación coa inseguridade da PO-308 e reclama unha mellora integral na seguridade nesta estrada entre San Salvador e Raxó, para evitar as mortes e atropelos que se levan producindo dende hai máis de trinta anos.
Relacionadas:
-
O BNG instará á Xunta para que licite en breve a mellora viaria da PO-308 ao seu paso por Poio
Por Anxo Lourido |
-
Remata a campaña de fumigacións e desratización nas cinco parroquias de Poio
Por Redacción |
-
Veciños de Chancelas piden pasos de peóns na PO-308
Por Anxo Lourido |
-
A asociación veciñal de Combarro presenta 33 alegacións á senda da PO-308
Por Oskar Viéitez |