Oito feridos nun accidente entre catro vehículos na Vía Rápida
Por Redacción
Unha colisión lateral na Vía de alta capacidade do Salnés, no tramo que transcorre entre Sanxenxo e Meaño, xeraba ao redor das 19.00 horas un accidente no que se viron implicados catro vehículos.
Segundo fontes do Concello de Sanxenxo, oito persoas resultaron feridas requirindo asistencia medicalizada. Ata o lugar desprazáronse efectivos do servizo de Emerxencias de Sanxenxo, ademais da Garda Civil e de ambulancias do 061.
O accidente provocou retencións na VG-4.1 ao tratarse dun tramo que é utilizado por numerosos vehículos durante as xornadas de domingo de volta de zonas turísticas como Sanxenxo ou do Grove. Esta vía conta unicamente con dous carrís e, en xornadas de moita afluencia ás praias, sempre xera atascos e, con frecuencia, prodúcense accidentes neste tramo, que se mantén á espera de que a Xunta proxecte o seu desdobramento.