O valor solidario da empanada
Por Natalia Puga
A celebración de San Xoán no barrio da Parda tivo este ano un compoñente solidario. A sardiñada e cacharela organizada polos veciños de Pedra do Lagarto incluía un menú típico desta noite máxica do ano, pero tamén poñía a disposición dos asistentes porcións de empanada. Neste caso, había un " pero ", non se regalaba, cambiábase por un alimento solidario.
Os propios organizadores anunciaron nos días previos que "intercambiaremos alimentos para a xente sen recursos de Pontevedra a través de RedeAxuda Pontevedra" e dicía aos veciños: "se nos traes alimentos non perecedoiros, arroz, pasta, latas, zume, leite, aceite....etc, cambiámoscho pola nosa empanada".
A iniciativa resultou un éxito. Segundo explica José Vilar, presidente da Asociación de Comerciantes de Loureiro Crespo e Adxacentes, durante a celebración do San Xoán na praza Pedra do Lagarto recibiron doazóns de 327 persoas.
Os alimentos entregados foron moi variados, dende paquetes de pasta a cartóns de leite, pero todos co denominador común de que non eran perecedores, pois os 270 quilos que chegaron a acumularse debían agardar varios días no local dos comeciantes ata que fosen a recollelos as organizacións vinculadas a RedeAxuda.
Esta entrega está prevista para a mañá deste mércores 26 de xuño e realizarase con satisfacción por parte dos organizadores. Por un lado, por poder axudar ás persoas sen recursos do municipio. Por outro, por comprobar a solidariedade dos veciños que doaron alimentos e de todo o persoal que na noite de San Xoán realizou un "esfuerzo extra", pois non só tiveron que asumir a preparación e repartición da sardinada, senón que este ano tiveron a tarefa engadida de recoller as doazóns.
En poucas ocasións, un anaco de empanada ten fins tan solidarios.