Os socorristas atenderon 522 incidencias nas praias de Marín durante o mes de xullo
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín deu conta do informe de incidencias do mes de xullo elaborado polos socorristas que atenden os areais do municipio. En total foron 522 servizos dos que 113 tiveron lugar na praia de Mogor, 110 en Aguete (zona 1), 88 en Aguete (zona 2), 104 en Portocelo e 101 en Loira.
As incidencias máis habituais seguen sendo as picaduras de fanecas con 138, seguidas das picaduras de avespas cun total de 48. Este mes de xullo "só" houbo 5 golpes de calor. O informe tamén recolle a atención a 172 persoas feridas e 28 avisos sobre a presenza de cans.
Tamén se detalla que houbo 28 avisos a embarcacións, 18 avisos a pescadores e 3 escordaduras.
Como anécdota, o informe dos socorristas sinala dous rescates acuáticos dun grupo de mozos nunha embarcación inchable e outro grupo nunha "banana".