A Xunta e o Concello desbloquean relacións sobre o transporte público e acordan impulsar un convenio para coordinar as competencias
Por Redacción
A Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra desatascaron este mércores as relacións entre as dúas administracións en relación co transporte público e acordaron impulsar un convenio para coordinar as competencias de cada unha nesta materia.
As dúas administracións mantiveron unha xuntanza de traballo para sentar as bases dunha colaboración pola cal as liñas interurbanas de transporte, de competencia autonómica, prestarán servizos dentro do termo municipal, que lle corresponden á Administración local, segundo a Lei de bases de réxime local.
Foi unha reunión técnica mantida en Santiago entre a Dirección Xeral de Mobilidade e representantes do Concello e, ao seu remate, a Xunta deu a coñecer que lle solicitar ao Concello unha proposta de convenio para avanzar no cofinanciamento dos servizos autonómicos de transporte prestados dentro do municipio de Pontevedra.
O Goberno local de Pontevedra, pola súa parte, explicou que o principal acordo acadado é o de traballar nun convenio para coordinar as competencias de cada Administración sobre transporte público. O documento, segundo indicou o Concello, "incluirá a proposta de axuste das liñas da Xunta para que cumpran mellor as funcións de transporte público adaptado á necesidades do concello".
Segundo o acordado na reunión de hoxe, o Concello preparará un borrador de convenio para asumir o financiamento da parte de transporte urbano prestado pola Xunta e a Dirección Xeral de Mobilidade facilitará toda a documentación dispoñible sobre as liñas de autobuses que desenvolven integramente os seus servizos polo municipio pontevedrés.
A Xunta deu a coñecer, a través dun comunicado, a súa "vontade de colaboración" en resposta á solicitude do Concello de Pontevedra de adaptación dos servizos de transporte interurbano nos seus percorridos urbanos pola cidade. Neste sentido, o departamento autonómico de Mobilidade lembrou que o proxecto actual se atopa en licitación, polo que unha vez adxudicado o novo contrato se axustará coa empresa adxudicataria o deseño dos servizos. En todo caso apuntouse que o aumento dos servizos que impliquen tamén incremento no seu custe deberán ser asumidos polo Concello.
A reunión tamén permitiu avanzar outros aspectos a desenvolver en posteriores xuntanzas, como as fórmulas de colaboración do Concello nas liñas interurbanas como, por exemplo, os Servizos de Interese Municipal. Este sistema implica que a Xunta asume o contrato do mesmo e o Concello financia o déficit de transporte que haxa dentro do seu municipio.
A Xunta e a Administración local volverán a reunirse no vindeiro mes de setembro, momento no que o Concello presentará a súa proposta de adaptación de liñas de autobús e unha proposta de convenio.
Relacionadas:
-
Concello e Xunta pactan dúas liñas circulares de transporte público en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello acepta cofinanciar as liñas de autobús de Montecelo, Monte Porreiro, Alba e Lérez
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta cita ao Concello o martes en Santiago para falar sobre o transporte público
Por Redacción |
-
Reunión "agradable e cordial" entre Feijóo e Lores para analizar "minuto e resultado" dos compromisos da Xunta
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
A Xunta impoñerá o bus urbano en Pontevedra e descontarallo ao Concello
Por Oskar Viéitez |