O demo abandona o averno para botar unhas gargalladas polo centro histórico
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O demo móvese este venres pola cidade. O espíritu sobrenatural vestido todo de vermello saía ás 12.30 horas dos Arcos de San Bartolomeu acompañado pola súa comitiva de seres monstruosos. Na contorna agardaban decenas de pequenos seguidores do personaxe infernal, algúns deles con indumentaria de diaños e con tridentes para celebrar a Festa do Demo.
A música festeira acompañaba as almas do averno, que lanzaban petardos e fumes no seu percorrido por Sarmiento, a praza da Verdura, San Román e a praza da Ferrería. As concelleiras Carme da Silva e Eva Vilaverde asistiron ao paso do demo, interpretado un ano máis por Xosé Manuel Esperante.
Desta vez, no percorrido, coincidiron coa circulación de vehículos. Na rúa San Román, os ocupantes dunha furgoneta tiveron que agardar o paso da comitiva, que realizaba saltos e coreaba ao demo.
Na praza da Ferrería, os pequenos comezaron a perseguir ao pequeno diaño e a tirarlle do rabo, que nesta ocasión presentaba un tamaño máis pequeno que noutras citas.
Aqueles que non puideran asistir este mediodía, terán unha nova ocasión de participar nesta festa tradicional a partir das 20.00 horas. A Banda de Música de Salcedo ofrecerá un concerto na praza de José Martí ás 21.00 horas. Media hora máis tarde, a praza de Curros Enríquez acollerá a Foliada do Demo coa actuación de Os Sentenarios e Os Chichisos nunha verbena aberta a todo o público.