Vilagarcía queimará 690 quilos de pólvora no combate naval cun castelo que gana en dimensións
Por Redacción
As Festas de San Roque teñen este sábado en Vilagarcía unha cita ineludible e moi esperada: O Combate Naval, o tradicional espectáculo pirotécnico no que se recrea a batalla do porto del Callao en Perú de 1866.
Dende ese ano vénse celebrando o Combate Naval en Vilagarcía como final das festas patronais, un espectáculo de 153 anos de tradición no que se queimarán 690 quilos de pólvora e que inclúe varias novidades e sorpresas. O público poderá contemplar o espectáculo dende as praias da Concha-Compostela e o paseo marítimo entre Vilagarcía e Carril. A partir da media noite.
Pero o programa das festas do sábado 24 de agosto inclúe ademais a XVIII Festa do Voluntariado, que se desenvolverá entre a Praza de Galicia e a Rúa Castelao de 11 a 14 horas, os tradicionais pasacalles dos grupos de gaitas locais durante todo o día e a verbena popular que, xa pola noite, amenizará a Orquestra Galilea na Avenida da Mariña.
O Combate Naval comezará, como é tradición, ás doce da noite do último sábado das Festas de San Roque. O lanzamento dos fogos realízase dende hai anos dende o peirao do Ramal, polo que a gradaría natural que forman as praias da Concha e Compostela garante unha inmellorable visualización do espectáculo ao que acoden cada ano milleiros de persoas.
O espectáculo de luz e cor divídese en dous bloques principais. O primeiro, de lanzamento de fogos en diversas seccións e secuencias. Como preparativo para a batalla posterior, xa no primeiro bloque os barcos abrirán fogo e lanzarán cohetes. O segundo bloque será o Combate Naval propiamente dito no que se rememora o famoso asedio da flota española comandada por Méndez Núñez ao porto do Callao.
Nesta simulación pirotécnica da batalla intervirán tres barcos dende o mar que dispararán ao castelo situado no Ramal, que este ano gaña en dimensións ao rondar os 40 metros de lonxitude por 12 de alto.
E como remate, unha gran traca final na que estouparán 800 voadoras.
A empresa ao que o Concello encargada dende hai décadas a organización do Combate naval, Pirotecnia Penide, inclúe novidades todos os anos. Nesta ocasión, ademais de ampliar as dimensións do castelo e de que os barcos xa dispararán antes do inicio da batalla propiamente dita, no ceo nocturno poderán verse novas figuras ao estoupar os fogos, que tamén lucirán cores moi innovadoras en tonos pastel.
En total serán 22 minutos ininterrompidos nun espectáculo no que se lanzarán uns 7.000 disparos de fogos de artificio controlados e programados por ordenador.
O Combate Naval está subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra.
RECOMENDACIÓNS
Aconséllase ao público acudir con tempo e abandonar a zona de forma escalonada para evitar problemas de aglomeracións e colapso do tráfico. Aos condutores recoméndase tamén que se achegen a Vilagarcía de forma gradual e con bastante antelación e que eviten acceder ao centro da cidade dirixíndose ás bolsas de estacionamento da periferia e que esperen a que as vías se desconxestionen de xente, antes de volver a coller o coche para abandonar a vila.
APARCAMENTOS DISUASORIOS
A Maroma, párking posterior de Fexdega, Finca Do Ouro, Pavillón e piscina de Fontecarmoa, O Piñeiriño, Os Duráns, subida a Marxión, Invisa-Marxión, A Escardia, A Golpilleira-A Torre, Rúa A Concha-Villa Güimil e o de Carril na Avenida Rosalía de Castro.
Relacionadas:
-
O Combate Naval tinguirá o ceo de Vilagarcía de 14 cores
Por Redacción |
-
Blas Cantó, ex Auryn, presenta este xoves o seu álbum 'Complicados' nas Festas de San Roque
Por Redacción |
-
Leo Bassi e Xoel López, protagonistas nas festas de San Roque
Por Almu Dapena |
-
A Garda Civil recupera en Meis media ducia de oliveiras centenarias subtraídas en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Vilagarcía solicita fondos europeos para executar o carril bici no paseo marítimo
Por Redacción |