Ponte Caldelas mellora a imaxe da entrada á vila
Por Redacción
O pintado do novo firme da estrada e a aplicación de 'slurry' na senda peonil de Pazos completan o proceso de ampliación e mellora da seguridade viaria na PO-255 que leva consigo unha nova imaxe de entrada a Ponte Caldelas.
Operarios da empresa COPASA, adxudicataria das obras na PO-255, entre Ponte Caldelas e Forzáns e Caritel-A Lama aproveitan o refacho de bo tempo para instalar os últimos elementos da nova sinalética, o pintado do novo firme e a finalización das senllas peonís que discorren paralelas a esta estrada.
Días atrás, procedeuse a realizar unha renovación total dos puntos de luz existentes na Travesía de Pazos coa substitución das antigas luminarias instaladas en postes de formigón (xa retirados dentro dos traballos realizados con motivo das melloras nesta estrada PO-255), por novos farois máis ecolóxicos e eficientes, acordes coas características dunha travesía moderna e funcional como a que se constrúe neste lugar. Os traballos incluíron tamén o completo soterramento da liña que daba subministración enerxética ás vivendas e talleres existentes na Travesía de Pazos e zonas adxacentes.
Aínda que nun principio o proxecto só contemplaba a mellora e ampliación da estrada P0-255 entre ponte Caldelas e Forzáns, as xestións realizadas polo alcalde Perfecto Rodríguez ante o conselleiro de Medio e Infraestruturas de la Xunta, Agustín Hernández, permitiron modificalo de tal maneira que se tratase o tramo de Pazos como travesía e se lle dotase de servizos de rede de sumidoiros, melloras na seguridade viaria, etc.
A nova Travesía de Pazos conta dende agora, con dous senllas peonís
A nova Travesía de Pazos conta dende agora, con dous senllas peonís, de 2 metros de ancho por ambas as dúas marxes da recta, o que mellorará a seguridade viaria ao habilitarse esas zonas para peóns ao tempo que amplía ata este lugar a posibilidade de gozar dunha ruta segura para as persoas que decidan dar un paseo dende o centro da vila ata A Fraga, lugar natural de encanto privilexiado polo que discorre o río Verdugo e que enlaza coa ruta de sendeirismo Das Almiñas e Foxo do Lobo.
Outra das melloras introducidas no proxecto foi a construción da glorieta que enlaza esta travesía coa estrada que comunica Ponte Caldelas coa Insua e Soutomaior-Arcade, é dicir, a vía PO-255 coa P0-244 (Ponte Caldelas-Arcade). Ademais da introdución de lastras na súa creación, dotouse de pasos de peóns, sinalética e unha serie de medidas tendentes a aumentar a seguridade vial e a incorporación do tráfico ao centro da vila.
Ao mesmo tempo a Travesía de Pazos ofrece unha nova imaxe de entrada á vila dando un aspecto máis moderno e funcional, acorde a unha poboación dinámica e en continuo crecemento como é Ponte Caldelas.