O Concello presenta aos residentes do Castañal o proxecto de reforma do barrio
Por Redacción
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, mantivo unha reunión no Centro Leste con veciños do Castañal para presentarlles o proxecto de reforma do barrio incluído dentro da remodelación de Loureiro Crespo.
Neste momento o proxecto está en fase de contratación, recibindo os informes preceptivos de cada servizo municipal para iniciar o proceso de licitación.
A reforma da rúa Loureiro Crespo e do Castañal ten un orzamento de 2.557.256 euros e un prazo de adxudicación de 11 meses. O proxecto inclúe a execución de seis melloras valoradas en 341.380 euros, polo que o investimento xeral roldará os 2,9 millóns de euros.
As melloras consisten na pavimentación das rúas: Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e praza das Regas.
O proxecto de reforma divide a rúa Loureiro Crespo en tres zonas. A primeira vai dende a rotonda da praza da Zanfona até Casimiro Gómez, onde se propón un alongamento das beirarrúas (de baldosa e granito) e un estreitamento do carril. O estacionamento, tamén en formigón, colocarase á dereita, e os alcorques serán de granito para plantar prunos, dando continuidade á avenida de Lugo, xa reformada.
Renóvase a iluminación, o mobiliario e todos os servizos. Á altura da rotonda de Doce de novembro instalarase unha columna de iluminación e plantaranse dous liquidámbar de grande porte para iniciar a transición cara un novo espazo, que será o segundo ámbito do proxecto.
A segunda zona comprende dende Casimiro Gómez a Antón Fraguas. Neste ámbito farase un carril de asfalto diferenciado que se dirixe cara Antón Fraguas. A beirarrúa da esquerda será de baldosa e bordo de granito e a beirarrúa da dereita, lousa "vulcano", a mesma que a da praza do Hospital.
Instalarase á esquerda o estacionamento de taxis e á dereita o de servizos. Tamén se inclúe a renovación de toda a iluminación, do mobiliario e dos servizos e a vexetación continúa cos prunos que se plantarán en toda a rúa. Nos extremos deste ámbitos, Casimiro Gómez e Antón Fraguas crearanse dous grandes matos de arborado en pezas de formigón (con 3 e 2 bétulas, respectivamente) para marcar a transición á terceira parte do proxecto.
A terceira zona é a comprendida entre Antón Fraguas á praza do Hospital. Consistirá no alongamento da praza do Hospital, coa instalación de dúas bandas laterais de lousa "vulcano" e unha parte central de formigón negro en plataforma única, xa que é necesario respectar a entrada ao Hospital Provincial. Plantarase arborado ao igual que no resto da praza do hospital (Quercus) e tamén se instalará máis mobiliario urbano.
BARRIO DO CASTAÑAL
No que respecta ao barrio do Castañal, o proxecto inclúe como mellora a pavimentación destas rúas, xa que a renovación dos servizos soterrados asúmese no proxecto principal.
As reformas previstas nestas rúas serán de dous tipos. Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas manterán un carril de circulación e beirarrúas. Levarán plantación de árbores e mobiliario urbano. Os alcorques serán de ferro cortén, similar ao da Virxe do Camiño. O carril de circulación irá en formigón negro con faixas de pedra, similar á praza do Hospital.
O resto de rúas, Forcarei, Amor Ruibal e Mestre Soutullo, polas súas dimensión, serán de plataforma única cun tratamento similar ao xa iniciado na avenida de Lugo.
A praza das Regas está previsto que faga de distribuidor de tráficos da zona, polo que será necesario facer certos retoques nas esquinas.