O CHUP organiza en Sanxenxo un congreso sobre patoloxías articulares da boneca e da man
Por Redacción
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) organiza en Sanxenxo o congreso conxunto da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (SOGACOT) e da Grupo de Estudio de Patología de extremidad superior (GEPES), que se desenvolverá desde este xoves 19 ao sábado 21 de setembro.
Nestas xornadas científicas, ás que está previsto que asistan máis de 120 especialistas de dentro e fóra de Galicia, abordaranse tratamentos e técnicas de atención a patoloxías articulares da boneca e da man.
Este congreso conta cun amplo programa de conferencias e mesas redondas, a cargo de especialistas de referencia en cada un dos temas abordados. A xornada de tarde do xoves 19 de setembro comezará coa inauguración oficial ás 16 horas, que dará paso á celebración dunha mesa redonda que abordará o tratamento e diagnóstico de tumores nas extremidades superiores.
Xa o venres 20 de setembro o congreso analizará noutras mesas redondas e conferencias monográficas os tratamentos e técnicas de recuperación de necroses do carpo, fracturas de escafoides, lesións tendinosas e do plexo braquial.
A análise dos retos da cirurxía asistida en doenzas da boneca e da man, xunto cun curso teórico-práctico de ecografías de extremidades superiores complementarán este simposio, que inclúe comunicacións libres e conferencias dirixidas tanto a traumatólogos coma a cirurxiáns, médicos deportivos e de familia e fisioterapeutas.
O sábado 21, están programadas dúas mesas redondas, unha que versará sobre patoloxías articulares do cúbito e radio e outra que actualizará as últimas técnicas e tratamentos para a atención a fracturas de ombro e cóvado.