Ingresan na Lama provisionalmente os cinco detidos polo alixo de media tonelada de cocaína
Por Redacción
O xulgado de garda de Marín decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para os cinco individuos detidos na provincia pola súa presunta relación co alixo de media tonelada de cocaína confiscado este pasado xoves nunha nave de Coirados, na parroquia de San Xulián.
Todos eles ingresaron nas últimas horas no Centro penal da Lama. Trátase de catro homes e unha muller, todos de nacionalidade española.
A Policía Nacional apurou ao máximo o tempo de detención preventiva que son 72 horas de prazo antes de deixar en liberdade ao arrestado ou poñelo a disposición xudicial.
As comparecencias xudiciais, no medio dun importante despregamento policial, empezaron ás dez da mañá e remataron ás tres e media da tarde.
A operación da Policía Nacional segue aberta.