Prohiben os 'chorreos' de auga a presión ou con area nos cemiterios de Marín
Por Redacción
A través dun bando municipal o Concello de Marín informou aos propietarios de panteóns e nichos nos cemiterios municipais sobre como deben actuar para acondicionar estes espazos de cara á celebración do Día de Defuntos.
Así, por estar protexidos por Patrimonio, estarán prohibidas unha serie de técnicas de cara ás labores de limpeza que poden afectar á integridade das edificacións, segundo indica expresamente a lei vixente.
Concretamente, para a retirada de po ou lixo que estea depositado nos nichos ou nos panteóns pero que non estea fortemente adherido non fará falta pedir unha autorización previa, sempre e cando non se requira de medidas auxiliares que poidan comprometer a integridade do soporte.
Pola contra, estarán prohibidos os 'chorreos' de area sobre as fábricas de pedra vista e os 'chorreos' de auga a presión. En caso de querer levar a cabo algunha destas accións, os propietarios dos nichos deberán pedir unha autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Os propietarios dos panteóns deberán proceder antes da chegada do Día de Defuntos á limpeza dos terreos, sepulturas e nichos e ao pintado dos panteóns que non se atopen nas debidas condicións estéticas e de harmonización co resto do entorno.
Antes de iniciar os traballos, deberán poñer en coñecemento do persoal encargado do cemiterio as actuacións que se pretenden levar a cabo.
A visita aos camposantos poderá realizarse durante o horario de apertura habitual, que no caso dos días 31 e 1 será ampliado de 08.00 a 20.00 horas.
Segundo informa o Concello no bando, dentro de todos os camposantos municipais os usuarios e visitantes deberán manter en todo momento o respecto aos demais usuarios, mantendo unha actitude correcta.